Tuesday 07 de May de 2024

‘Auga, o sangue da terra’, chega a Ordes


O Concello, Abanca e Afundación asinaron un convenio grazas ao cal se poderá desfrutar gratuitamente desta mostra fotográfica, asinada por Manuel Valcárcel, durante o mes de maio no Museo do Traxe

O Concello de Ordes vén de asinar un convenio con ABANCA e Afundación grazas ao cal acollerá a mostra fotográfica Auga, o sangue da terra, de Manuel Valcárcel. De entrada libre e gratuíta poderase visitar do 4 ao 27 de maio no Museo do Traxe, de luns a venres de 17 a 21 horas, os sábados de 10 a 14 e de 17 a 20 horas, e os domingos de 10 a 14 horas.

As persoas encargadas de ratificar o dito acordo no día de onte foron o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo; o coordinador de Negocio Institucional Coruña de ABANCA, José Manuel Vilariño Orgeira; e a coordinadora da Área de Cultura de Afundación, María Teresa Cores Fernández.
O obxectivo de Auga, o sangue da terra é valorar a auga como elemento vital e amosar como inflúe a presenza ou ausencia de auga nas culturas, nas paisaxes e nos ecosistemas. A mostra realiza un percorrido pola relación do ser humano coa auga mediante fotografías dos cinco continentes. Lugares tan remotos como Nova Celandia, India, China, Níxer, o deserto de Atacama ou a conca do lucense río Lor.
As imaxes están distribuídas en tres bloques. O primeiro, Os estados da auga, recolle fotografías que plasman o paso da auga en estado sólido ao líquido, así como os engarces entre a montaña e o mar. A auga e a vida conforma o segundo bloque con imaxes de Varanasi (India) e Longshen Guilin (China). Vivindo na escaseza é o último bloque que trata sobre a escaseza e ausencia de auga valéndose de imaxes de Malí e os seus pescadores bozo, e tamén a través do deserto de Atacama, onde a seca deu lugar a unha paisaxe lunar.
Coñecemento colectivo
Esta mostra itinerante forma parte do proxecto Corrente Cultural, que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a el amplíase a oferta artística levándoa máis aló das sedes de Afundación (Obra social ABANCA), trasladándoa a un amplo número de vilas galegas.